CRTVG

Buscar

Stellantis Vigo retoma parte da súa actividade antes do previsto

Publicado o 25/08/2021 12:22
Stellantis Vigo retoma parte da súa actividade antes do previsto
EFE

A factoría de Stellantis en Vigo anunciou aos traballadores que a parada de produción, prevista ata o domingo, día 29, por falta de subministración, será finalmente máis curta. Así, o Sistema 1 renovará a súa actividade o venres, día 27, tres días antes do que anunciara a empresa o pasado venres, coa incorporación ás seis da mañá da quenda B. En canto ao Sistema 2 mantéñense as previsións, polo que a actividade se retomará o luns, 30 de agosto, ás seis da mañá.

Esta parada de case unha semana produciuse xusto á volta das vacacións do persoal, prolongando así unha situación que leva repetindo desde que comezou o ano e que supuxo que a fábrica de Vigo deixase de producir uns 70.000 vehículos. A industria auxiliar de Vigo e comarca está a acusar unha situación que afecta a industria de todo o planeta e para a que non se albisca un final.

Máis dun centenar de provedores supeditan a súa actividade á da factoría de Balaídos, e nalgúns casos arredor do 80 por cento da súa actividade depende directamente de Stellantis. Estas paradas de actividade xestiónanse conforme os mecanismos de flexibilidade previstos pola compañía e os traballadores e ao ERTE asinado en marzo e vixente ata final de ano. Con esta, Stellantis Vigo acumula case 70 paradas de produción desde que comezou o ano. A empresa comunicou aos operarios que traballa intensamente para minimizar o impacto desta crise. 

 

Noticias web

25/08/2021