CRTVG

Buscar

Stellantis Vigo reinicia parte da actividade este sábado, coa liña de furgonetas parada

Publicado o 28/05/2021 15:15

A planta do grupo Stellantis en Vigo (antes PSA Peugeot Citroën) reiniciará a súa produción no sistema 1 --que monta o Peugeot 2008, o C-Elysée e o Peugeot 301-- este sábado, coa quenda de fin de semana. Mentres, seguirá sen actividade no sistema 2 --que monta as furgonetas-- "polo menos" ata o 4 de xuño, incluído.

Desde o pasado xoves os dous sistemas atópanse parados, o que se debe á denominada 'crise dos microchips', que afecta provedores da factoría e que se traduciu en falta de certos compoñentes. Estes problemas de subministración, que están a afectar as plantas de automoción e outras actividades industriais en todo o mundo, obrigaron a suspender a produción en Stellantis Vigo en varias ocasións desde principios de ano. De feito, nas últimas semanas as paradas foron habituais na factoría de Balaídos e, nos últimos 20 días, apenas houbo xornadas de traballo con normalidade.

Este mesmo luns, a dirección da planta comunicou nunha reunión co comité de empresa que a previsión era que durante o mes de xuño sexan laborables todas as fins de semana, así como traballar con horarios amplos na quenda de noite. Con todo, a empresa xa advertiu que a actividade programada para xuño "previsiblemente sufrirá alteracións", debido á "situación excepcional de falta de aprovisionamento de pezas, especialmente acusado neste segundo trimestre".

A planta viguesa aprobou a finais do pasado mes de marzo a aplicación dun ERTE (do que se desmarcaron os sindicatos CIG e CUT) para xestionar esta situación. A regulación afecta traballadores fixos a tempo completo que esgotasen outros mecanismos de flexibilidade, como a adecuación de xornada ou a bolsa de horas, por un máximo de 60 días e ten vixencia ata final deste ano.

 

Noticias web

28/05/2021