CRTVG

Buscar

Stellantis Vigo parará este mércores as tres quendas do sistema M1 pola falta de microchips

Publicado o 23/03/2021 20:06
Stellantis Vigo parará este mércores as tres quendas do sistema M1 pola falta de microchips

 A planta viguesa do grupo Stellantis (antes PSA Peugeot Citröen) informou de que este mércores parará a súa produción nas tres quendas do sistema M1 debido aos problemas de subministración de compoñentes con semicondutores (microchips)  De feito, a factoría viguesa xa tivo que paralizar a súa produción varias veces nas últimas semanas, a última delas este mesmo luns, cando tamén quedaron sen actividade as tres quendas do sistema M1, no que se montan o Peugeot 2008, o C-Elysée e o Peugeot 301.   

Para afrontar as paradas de produción, a dirección da planta trasladou este mesmo luns aos sindicatos a necesidade de negociar canto antes un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), dado que "os mecanismos de flexibilidade" cos que conta a planta (bolsa de horas e días de adecuación de xornada) "vanse ir esgotando".  

 A dirección da planta advertiu que os problemas de subministración poden alongarse e non se albisca un horizonte claro sobre cando poderá garantirse o abastecemento, polo que expuxo o ERTE para afrontar a situación, e trasladou o seu interese en que as negociacións poidan iniciarse esta mesma semana para pechar un acordo antes de Semana Santa.