CRTVG

Buscar

Stellantis Vigo detén a súa produción ata o luns por problemas de subministración

Publicado o 15/04/2021 11:33
Stellantis Vigo detén a súa produción ata o luns por problemas de subministración

A dirección da fábrica de Stellantis en Vigo comunicou este xoves a sindicatos e traballadores que se suspende a actividade do equipo desta fin de semana, parada que vén sumarse á anunciada onte nos dous sistemas de produción na quenda de noite de hoxe e nas tres quendas de mañá.

Estas paradas na produción están motivadas polos problemas mundiais de subministración de microchips. A compañía informa de que se utilizarán os mecanismos de flexibilidade habituais: días de adecuación e bolsa de horas, e nos casos particulares en que puidesen estar esgotados os días de flexibilidade aplicaranse as condicións do ERTE acordado o pasado 31 de xaneiro co apoio do 82 por cento da representación social.

Stellantis Vigo viuse obrigada a deter a produción nalgún dos seus sistemas en repetidas ocasións por mor da escaseza mundial de semicondutores desde o pasado mes de febreiro. Por esta mesma razón, viuse na necesidade de presentar aos sindicatos unha proposta de regulación temporal de emprego que afecta 3.749 traballadores.