CRTVG

Buscar

Stellanis propón 60 días de suspensión para a metade do persoal

Publicado o 26/03/2021 17:04

Na factoría de PSA en Vigo, dirección e sindicatos negocian o ERTE ao que tivo que recorrer a empresa debido ao desabastecemento de microchips a nivel mundial. A idea é aplicalo de inmediato e que se prolongue durante todo o ano.

A dirección de PSA quere pechar o acordo antes dos días festivos da semana santa. Propón 60 días de suspensión para a metade do cadro de persoal. 

A factoría de Balaídos tivo que paralizar esta semana unha das dúas liñas de produción pola falta de microchips procedentes dos países asiáticos. Sen previsión sobre cando se vai recuperar o subministro, a empresa recorre ao ERTE para 3.749 traballadores.

A crise afecta tamén de cheo a industria de compoñentes. Na maioría destas fábricas tamén optaron polo ERTE como medida para adaptarse aos desaxustes na produción pola falta de microchips.

Este mercado quedou desabastecido por un crecemento exponencial de productos tecnolóxicos durante a pandemia. A crise afecta a toda a industria a nivel mundial e chega nun dos mellores momentos da automoción galega, con récord en exportacións e coas cifras de facturación e emprego en ascenso.

Noticias web

26/03/2021