Soutomaior é o concello coa maior incidencia da súa área sanitaria
Levan cos mesmos casos os últimos tres días, non diminúen os positivos, pero tampouco aumentan, o que é unha boa nova tras unha semana en que os contaxios se dispararon.
"Eu quero pensar que a situación está estabilizada e espero que se quede nun susto", comenta Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior.
O principal gromo detectouse nun colexio por mor dunha celebración allea ao centro.
"Temos que ter moito coidado sobre todo nas celebracións, tanto sexan de nenos como de adultos e polo tanto fago un chamamento a que sigamos con moita prudencia", aconsella Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior.
Dado que a economía do concello depende moito do sector da hostalaría, concentrada á beira da Nacional 550 ao seu paso por Arcade, un aumento das restricións sería desastroso.