CRTVG

Buscar

Sospeitan dunha banda croata como responsable da vaga de roubos de pisos en Vigo

Publicado o 25/07/2019 13:19

Unha banda croata especializada no roubo en vivendas podería ser a autora dalgúns dos asaltos que se produciron estes últimos días no centro de Vigo. A banda podería ser a mesma que detectaran antes en Sevilla, A Coruña e Xixón. A Policía Nacional lanza agora unha campaña de información para evitar máis roubos deste tipo na cidade olívica.

Teñen sempre o mesmo xeito de asaltar as vivendas: chamar ao timbre de diferentes pisos para comprobar se hai alguén na casa. Ao comprobar que está baleira, levan consigo un plástico que empregan para abrir as portas e un desaparafusador que usarían cando a pechadura se complicase. A Policía Nacional en Vigo detectou que se trata posiblemente dunha banda croata, formada sobre todo por mulleres, e que vén de actuar noutras cidades españolas.

De feito, na avenida das Camelias, en Vigo, trataron de acceder a algunha vivenda neste portal sen conseguilo finalmente, e, por outra banda, a Policía detivo un home que supostamente roubou dúas bicicletas do trasteiro nun edificio da rúa Marqués de Valladares. Ante estes feitos, a Policía Nacional lanza unha campaña de información aconsellando hábitos que son de sentido común, pero que serven para impedir en moitos casos un posible roubo.

Está claro que o verán é un momento do ano ideal para cometer roubos, as cifras así o indican.

Noticias web

25/07/2019