Sáenz de Santamaría sostén que houbo violencia no 'procés'
Soraya Sáenz de Santamaría respondeu durante máis de dúas horas as preguntas das acusacións e das defensas dos acusados. A ex-vicepresidenta asegurou que nunca falou do referendo de autodeterminación con Oriol Junqueras nin con ninguén. Defendeu o papel das forzas de seguridade despregadas en Cataluña para a consulta e destacou o acoso que sufriron.
"Mire, eu sei o que é vivir un escrache, e o que se viviu en Cataluña en moitos sitios non era un escrache era un acoso violento". "Pero ademais sufrimos moito politicamente como consecuencia de que moitos alcaldes e moitos concelleiros nun clima de acoso masivo xeneralizado e sistemático recibían ameazas e coaccións".
Tamén declarou como testemuña o ex-presidente da Generalitat, Artur Mas, condenado pola consulta soberantista do 9-N de 2014. Mas asegurou que foi Carles Puigdemont quen, tras moitas reunións coa sociedade civil, decidiu convocar o referendo do 1 de outubro declarado ilegal polo Tribunal Constitucional.
"Efectivamente, o señor Puigdemont chegou á conclusión de que era bo que houbese unha segunda consulta e, polo tanto, un referendo en Cataluña sobre o mesmo que xa o houbera en novembro de 2014 cando eu era presidente da Generalitat".
Pero a quenda das testemuñas inaugurona o deputado de ERC, Joan Tardá, que nada máis comezar xa foi advertido polo presidente do Tribunal de que non podía declarar en catalán e tampouco facer valoracións políticas.
Tardá negou que houbese violencia o 20 de setembro durante os rexistros policiais da Consellería de Economía.