Consellos dos socorristas para evitar os afogamentos
Os afogamentos son unha das principais causas de morte en verán que se poderían evitar. No que vai de ano en Galicia producíronse 21 mortes por afogamento. Para evitar este tipo de accidentes os socorristas lembran a necesidade de extremar as precaucións.
Todos os anos, especialmente na época estival, falecen centos de persoas por afogamento en praias, piscinas, ríos, encoros, sendo esta unha das principais causas de morte en verán que se podería evitar. Socorristas e persoal de vixilancia lembran a necesidade de extremar as precaucións en todo momento.
Amalia Bermúdez, Socorrista "Temos que ter coidado sobre todo se non coñecemos a praia, preguntar aos socorristas se hai correntes, ter coidado se é unha zona de olas e se non sabemos nadar".
Destacan especialmente o perigo que supoñen praias como esta de Riazor onde abundan as rochas e as zonas con desniveis unha vez nos introducimos no mar.
"Hai moita xente que vén pensando que non pasa nada porque as correntes non se ven, non son conscientes do perigo real que pode ter o mar".
No caso de ser arrastrado pola corrente a principal recomendación é tentar manter a calma e pedir auxilio.
"Sobre todo gardar a calma porque se te pos a nadar contra corrente o máis normal é que te fatiges, e entón vén o problema. Podemos deixarnos levar, poñernos boca arriba e solicitar axuda, pero nunca ir en contra da corrente".
De producirse o caso contrario e ver a unha persoa pedindo auxilio o primeiro que debemos facer sempre é avisar a un socorrista. No que vai de ano faleceron en Galicia 21 persoas por afogamento, catro delas durante o mes de xullo. No total de España son 179 as persoas falecidas por esta causa.