CRTVG

Buscar

Sober e Láncara son os concellos que primeiro se constitúen de España

Publicado o 14/06/2019 23:20
Sober e Láncara son os concellos que primeiro se constitúen de España

A localidade luguesa de Láncara decidiu sumarse a Sober, tamén na mesma provincia, e celebrar o pleno de constitución durante a medianoite deste venres ao sábado, en concreto, ás 00:01 horas.

Sober, con 2.300 habitantes, será o primeiro de España en celebrar a sesión, xusto ás 00:00, na que tomará posesión como alcalde o candidato do PP Luís Fernández Guitián. E un minuto despois, ás 00:01, está previsto que se inicie o pleno de Láncara, localidade con 2.764 veciños, e na que será investido como alcalde o socialista Darío Piñeiro. A corporación conta con 6 concelleiros do PSOE, 4 do PP e un do BNG.

A decisión de celebrar o pleno durante a medianoite, explicou Darío Piñeiro, foi adoptada o mércores, na última sesión plenaria da lexislatura. "Entre os concelleiros que estabamos alí, os do PSOE, algúns do PP e un de Compromiso por Galicia, expuxémolo e o acordamos por ampla maioría". No tocante aos motivos, explica que "a xente está con ganas de traballar" e de "empezar xa no minuto 1".

Aínda así, tamén, do mesmo xeito que no caso de Sober, hai certo interese en que se fale do municipio. "Tamén queremos dicir que existe Láncara e estamos aquí, os concellos pequenos temos poucas formas de que se nos coñeza".

Sober, o primeiro de España

Pero antes de Láncara, iniciarase o pleno de constitución do concello de Sober, ás 00:00 horas do 15 de xuño, na medianoite do venres ao sábado. O candidato do PP Luís Fernández Guitián será alcalde tras tres maiorías absolutas consecutivas. Defende a decisión de realizar o pleno xusto á medianoite como un feito que fai que se fale de Sober.

"Dos máis de 8.100 concellos que hai en España, só un é o primeiro e vai ser Sober", remarca o alcalde en funcións, que pon en valor que é "unha máis das iniciativas" coas que se trata de pór á localidade luguesa "no mapa".

A corporación contará con 8 concelleiros do PP, 2 de IG-Vivo e un do PSdeG-PSOE. O concello de Sober retransmitirá en directo a primeira sesión plenaria e a toma de posesión da Corporación a través da súa conta oficial de Facebook e ofrecerá información a través de Twitter e Instragram.