Soben as herdanzas en vida en Galicia
O ano pasado, uns 22.000 galegos formalizaron unha herdanza en vida dos seus bens. A cifra é un 10 % máis alta ca no ano anterior, porque esta modalidade de testar non deixa de medrar na nosa comunidade.
Julián García Esmorís, avogado e economista, explícanos que "ten o beneficio de que a persoa á que lle fas a herdanza en vida pode xa comezar a aproveitar ese ben" e recorda que o réxime tributario vai ser o mesmo. Porque legando en vida ou en morte, hai que pagar o imposto de sucesións, pero en Galicia é cero para as herdanzas de menos dun millón de euros entre familiares directos.
Esta exención ten os días contados, porque o Goberno central quere reformar este tributo para igualalo entre comunidades. Ante a previsible suba, aumentan os tamén chamados pactos de mellora. Por iso, cada vez é máis habitual que os pais transmitan en vida vivendas ou terreos aos seus fillos reservándose o usufruto. Tamén pasa cos aforros, por exemplo, "cando é necesario facerlle a algún fillo unha transmisión porque o precisa, en vez de facer un préstamo pódese facer unha doazón en vida", explícanos o avogado García Esmorís.