CRTVG

Buscar

Soben os casos de violencia machista, con 12 mulleres asasinadas nun mes

Publicado o 18/06/2021 10:03

Os expertos xa alertaran de que, tras a fin do estado de alarma, os casos de violencia machista se dispararían. As cifras constátano. Só desde o pasado 17 de maio foron asasinadas 12 mulleres en España. Oito xa morreran entre xaneiro e marzo a mans das súas parellas ou exparellas. 

O último crime machista sucedeu no barrio madrileño de Moratalaz. A vítima, Consuelo, de 81 anos. O seu home matouna a marteladas. Cando chegou a policía, alertada polos veciños, el confesou o crime, sen ápice de arrepentimento. O caso de Consuelo revela a realidade, moi dura, de moitas mulleres. A realidade do maltrato silenciado e prolongado no tempo, nunca denunciado. 

Desde o Ministerio de Igualdade poñen o foco, precisamente, en reducir esa violencia silenciada e que non se denuncia. Igualdade vai pór en marcha nas próximas semanas un proxecto chamado Formulario Cero para que as medidas de vixilancia se activen tamén cando quen acudan ás comisarías sexan os achegados das vítimas, familiares ou membros do seu contorno social. É que as denuncias do contorno seguen sendo moi baixas, só supoñen o 2 % das que chegan aos tribunais. 

Outro crime machista que acaba de aclararse é o de Waffa, a moza de 21 anos desaparecida en Valencia hai dous anos. O seu corpo apareceu no fondo dun pozo, tras a confesión do seu asasino, un home de 30 anos que pasara meses acosándoa. Waffa pasa a engrosar a lista da mulleres vítimas da violencia de xénero, as vítimas do machismo fóra da parella. 

Noticias web

18/06/2021