CRTVG

Buscar

70 casos en Galicia derivados do macrogromo de Baleares e 600 persoas en corentena

Publicado o 26/06/2021 16:56

• Por áreas, o número maior de positivos concéntrase en Pontevedra | O goberno balear illa nun hotel os contactos con positivos do macrogromo e inspecciona nove aloxamentos

 

Sanidade intensificou o rastrexo nas últimas horas e localizou 20 casos máis de persoas infectadas no macrogromo relacionado con viaxes de fin de curso ás illas Baleares. De momento, son xa 70 contaxiados en Galicia e hai 600 persoas en corentena por mor destes casos. Na Consellería de Educación non desbotan que a cifra aumente porque non todas as viaxes estaban organizadas polos centros educativos.

Por áreas sanitarias, o número maior de positivos concéntrase en Pontevedra (48). Séguelle a área de Lugo (10), Vigo (8) e Ourense (4). 

A Dirección Xeral de Saúde Pública elaborou un protocolo, en coordinación coa Estratexia de Vacinación, en que se recollen as indicacións que deben seguir os estudantes, dependendo na data da viaxe. O macrogromo xa supera os 600 contaxios en oito comunidades.

"Isto foi fóra do sistema educativo e o que onte se fixo foi un baleirado, un censo para identificar aqueles posibles centros onde os alumnos participaron nestas viaxes, algunhas viaxes foron feitas á marxe dos centros, entre diferentes alumnos, que se puxeron de acordo e pasamos esa información a Sanidade e Sanidade, dun xeito moi áxil, está tomando as decisións necesarias para que isto non vaia a máis", asegura Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.

A Consellería de Sanidade segue recollendo información a través dos cribados e de persoas infectadas que están en corentena á espera de que os vaian citando desde as distintas áreas sanitarias para someterse a unha PCR. A partir de agora, os responsables de Educación e Sanidade da Xunta confían en que o sucedido con estas viaxes de fin de curso sirva de aviso.

"Ten que servir como unha alerta e como unha voz de alarma de que, aínda que a situación é moi boa, non podemos dicir que isto está rematado, temos que ir dando pasos prudentes e manter todas as medidas, sobre todo non estando vacinado, temos que mantelas, pouco tempo máis pero aínda un tempo máis", afirma o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. 

Noticias web

26/06/2021