CRTVG

Buscar

Soben a 50 os positivos na residencia das Gándaras

Publicado o 18/08/2021 12:06

Os positivos en coronavirus na residencia das Gándaras subiron ao medio centenar, tras un novo caso, polo que son 110 os usuarios contaxiados en total nestes centros en Galicia e 51 nos que tratan a discapacidade.

No centro xa se reorganizou a todos os seus usuarios por andares atendendo a cada situación.

"Hai un número de positivos importante pero como a residencia ten 8 andares é fácil de sectorizar. En dúas plantas están os positivos, noutras dúas os seus contactos estreitos e nas outras catro os demais", sinala Constantino Piñeiro, director do Centro Galego de Desenvolvemento Integral.

Sinalan que a situación xa está estabilizada e mandan unha mensaxe de tranquilidade ás familias dado que grazas á vacina a maioría son asintomáticos.

"A situación está tranquila. Hai que lanzar unha mensaxe de tranquilidade de que os residentes están ben e sen ningún caso de gravidade", sinala Constantino Piñeiro, director do Centro Galego de Desenvolvemento Integral.

Agora na residencia están pendentes do resultado dos cribados realizados entre todo o persoal do centro.
 

Noticias web

18/08/2021