Soben a 31 os positivos vencellados ao gromo do ximnasio de Arteixo
Na provincia da Coruña preocupan dous gromos. Un é o que mantén confinados varios xogadores do Fuenlabrada na cidade herculina e o outro en Meicende, no concello de Arteixo. Os últimos datos apuntan a 31 afectados nesta zona. A orixe deste repunte está nun ximnasio.
Na provincia da Coruña aumentan os casos de contaxiados de 87 a 107, 20 máis ca onte, e preocupa especialmente o foco do ximnasio de Meicende, en Arteixo. Os seus responsables insisten en que seguiron todos os protocolos relacionados co coronavirus, pero a cadea de contaxios aumenta hoxe ata os 31. Onte eran 25. Son os datos facilitados a primeira hora desta tarde pola consellería de Sanidade. O gromo, que comezou no centro deportivo cun dos seus usuarios, segue sendo obxecto dun intenso rastrexo. Sanidade indica tamén que se realizaron 500 probas PCR nas últimas 24 horas en relación con este caso.
O ximnasio permanece pechado e tamén un pub de Santa Cruz, en Oleiros, no que traballaba como porteiro o home que propiciou a serie de infectados.
Mentres, o o matadoiro municipal, que xestiona a empresa concesionaria Carnicosa no polígono da Grela, segue operativo. Iso si, con controis especiais e desinfeccións periódicas das súas instalacións. Un dos seus traballadores é outro dos infectados no ximnasio.
O segundo foco de atención na Coruña segue centrado no hotel Finisterre, onde continúan trece integrantes do club Fuenlabrada. A calma de hoxe nos arredores do hotel contrasta coa presenza mediática de onte, cando abandonabn as instalacións 33 dos 46 compoñentes da expedición do club despois de recibiren a alta médica. Os trece membros do equipo que continúan no Finisterre deron positivo nas probas PCR e están pendente dos resultados de novos tests.