CRTVG

Buscar

Sobe lixeiramente o número falecidos diarios ata os 281 e baixan os contaxios

Publicado o 01/05/2020 12:12

Lixeiro repunte no número diario de vítimas mortais desde as 268 ata os 281 das últimas 24 horas. Ata onte, a cifra máis baixa de falecidos desde o 20 de marzo fora a do domingo pasado, con 288, segundo os datos oficiais facilitados polo Ministerio de Sanidade.

• Coas persoas falecidas nas últimas 24 horas, 281, a cifra total de mortos que facilitan desde Sanidade é de 24.824 desde o inicio da pandemia.

• Volve baixar tamén o número de novos contaxios notificados ata os 1.175 nás últimas 24 horas, fronte aos 1.309 de onte e aos 2.144 notificados antonte por Sanidade. A porcentaxe de contaxios en España tamén volve baixar, 0,5% , o 0,6 % publicado onte.

• O total de positivos oficiais por PCR en España é de 215.216 persoas. 

• As persoas curadas ata agora suman en total 114.678. Delas, 2.628son os pacientes recuperados nas últimas 24 horas. Unha cifra esperanzadora que un día máis supera a de novos contaxios.

As comunidades autónomas máis afectadas polo coronavirus seguen sendo, por esta orde:

Madrid, con 61.829 contaxios en total, 52 nas últimas 24 horas, fronte aos 406 aos novos positivos PCR notificados onte; a taxa de crecemento baixa do 0,7% ao 0,1%. O total de falecidos na comunidade de Madrid é de 8.222; deles, 46 onte.

Cataluña, con 49.307 positivos por PCR, 309 notificados onte. A taxa de contaxios é do 0,8%. O total de vítimas mortais son 5.061; delas, 86  faleceron onte.

Castela e León ten 16.993 positivos probados por PCR en coronavirus,108 novos positivos de onte; a taxa de contaxios é do 0,6 %. O número de vítimas mortais nesta comunidade é de 1.770; delas, 18 morreron nas últimas 24 horas.

Castela-A Mancha ten 15.910 persoas positivas por PCR, 78 casos rexistrados onte; a taxa de contaxios é do 0,5 %. As vítimas mortais son en total 2.498; delas, 35 morreron nas últimas 24 horas.

A comunidade autónoma menos afectada segue sendo Murcia: ten 1.486 persoas contaxiadas testadas por PCR, 2 contaxios onte, cunha taxa de contaxio do 0,2 %. Faleceron en total 132 persoas, onte houbo 2 vítimas mortais.

Nas cidades autónomas, hai 115 en Melilla, un caso onte, levaban sen casos varios días. En Melilla faleceron 2 persoas desde que se iniciou a pandemia. E en Ceuta hai 101 persoas positivas por PCR en total, sen casos onte, 1 caso desde o xoves pasado. Faleceron, en total, 4 persoas desde que comezou a pandemia.