CRTVG

Buscar

Só un 17 % das persoas citadas en Vigo acoden ao cribado

Publicado o 21/04/2021 16:44

O 16,9 por cento das persoas ditadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para participar nun cribado poboacional en Vigo, con test PCR, acudiron á cita.

Segundo comunicou este mércores o Sergas, chamaron 8.000 persoas, das que se presentaron unicamente 1.354. En total, detectáronse nove positivo por covid-19.

A porcentaxe de resposta foi incluso menor entre o grupo dos 16 aos 30 anos. Neste caso, citaron 3.735 e acudiron 394, o que supón un 10,5 por cento. Delas, tres deron positivo.

Porén, no cribado poboacional que se realizou no concello de Ponteareas participaron 2.124 persoas das 5.003 citadas, un 42,4 por cento.

O Sergas cita outras 26.000 persoas da área de Vigo

Un total de 26.000 persoas da área sanitaria de Vigo están a ser convidadas esta semana o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a participar nun cribado masivo con test PCR. Segundo informou o Sergas, das 26.000 persoas que están a recibir o SMS coa citación nove mil son de Vigo e mil de Arbo, as cales están a ser convocadas nos 'covid auto' dos hospitais Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro.

Ademais, hoxe, mércores, estase cribando a 5.000 persoas de Gondomar convocadas no pavillón municipal. Pola súa banda, o vindeiro venres, día 23, convocarase a 5.000 persoas de Tomiño e O Rosal, e o domingo a outras 6.000 persoas do concello do Porriño. 

A situación de Galicia, estable pero de "calma tensa" polas repuntas nas Rías Baixas 

Tras a última actualización do comité clínico xa son corenta os concellos galegos con algún nivel de restricións. A outra cara da moeda está nos 135 municipios libres de covid. De media a incidencia en Galicia sitúase nos 90 casos por cen mil habitantes. "Comparado cos 230,95 da media española sitúanos nesa situación de estabilidade e dá datos bos", di o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. "Estamos nuns momentos de calma tensa cunha repunta moi lixeira de maneira global tendente á estabilización e con algunhas zonas que nos preocupan máis, O Barbanza, O Salnés ou a área de Vigo", engadiu Tato Vázquez Lima, membro do comité clínico

Saúde Pública segue moi pendente da entrada en Galicia das novas cepas do virus. Xa están confirmados ou estudo 300 casos."Está circulando a variante británica e tamén hai xa certa incursión tanto da variante brasileira como da surafricana", salientou Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública 

O Sergas intensifica os cribados nas zonas onde está aumentando a transmisión do virus. Os expertos e as autoridades sanitarias fan un chamamento a participar para axudar a frear os contaxios. Tamén a non deixar pasar a oportunidade de vacinarse cando nos chamen. A luz ao final do túnel, apuntan, é a inmunización.