CRTVG

Buscar

Só o concello de Beade se mantén coas restricións máximas na Semana Santa

Publicado o 30/03/2021 15:55

• Cento corenta concellos non notificaron casos nos últimos catorce días

• Galicia implantará en abril un certificado de vacinación "informativo" como ensaio previo ao da UE

Galicia continúa estable na súa situación epidemiolóxica. A incidencia acumulada, tanto a catorce como a sete días, rexistrou unha pequena diminución. Porén, no contexto actual, o conselleiro de Sanidade considera importante incidir na necesidade de seguir cumprindo as normas.

Tras a última xuntanza do comité clínico, Julio García Comesaña anunciou algúns cambios nos distintos niveis de restricións por municipios.

No nivel 1 (máximo) queda só o concello de Beade, que xa se atopaba neste chanzo. A súa incidencia acumulada a catorce días supera os 1.822 casos por 100.000 habitantes. Ao nivel 2 (alto) soben O Irixo, A Pobra do Brollón e Rábade; nel permanecen Abegondo, Baiona, Cortegada, Ortigueira, Padrenda, Pazos de Borbén, Sanxenxo e O Saviñao.

Ao nivel 3 (medio) pasan Vilardevós, Moaña, Gondomar e Meis. Neste grupo continúan: Celanova, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia, Cangas, Bergondo, Boimorto, Carral, A Coruña, A Laracha, Arteixo, Betanzos e Camariñas. Ademais, abandonan este chanzo: Neda, Culleredo, Laxe, Pantón e Sober.

Os cambios faranse efectivos o venres, 2 de abril, ás 00:00 horas.

Datos de incidencia

Segundo a directora Xeral de Saúde Pública Carmen Durán, os datos epidemiolóxicos determinan que nos atopamos nunha meseta. Arestora, hai 140 concellos que non notificaron ningún caso en catorce días e 180 municipios que non o fixeron na última semana.

A incidencia acumulada sitúase nos 35 casos por 100.000 habitantes, a sete días, e nos 70, a catorce días. A área sanitaria da Coruña é a que rexistra peores datos (cunha I. A. de 105). Porén, Carmen Durán asegura que está a dar sinais de recuperación mentres se produce un lixeiro ascenso de contaxios na zona de Vigo.

Certificado de vacinación

Respecto á campaña de vacinación, o conselleiro de Sanidade garantiu o mantemento do proceso durante a Semana Santa. Ata o de agora, confirmou a administración en Galicia de máis de 460.000 unidades.

Durante a conferencia de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, tamén anunciou a emisión dun certificado de vacinación para toda aquela persoa que o solicite. O obxectivo do Sergas é que este documento poida "converxer co certificado dixital verde da Unión Europea" previsto para xuño.

Segundo Julio García Comesaña, cumprirá cos mesmos criterios técnicos e lexislativos establecidos polas autoridades comunitarias e estará dispoñible na primeira quincena de abril. Deste xeito, a poboación galega xa dispoñerá dun documento oficial para avalar a vacinación, o resultado negativo dunha PCR ou unha alta tras ter superada a doenza.

"Será o máis parecido ao certificado verde dixital, e cando sexa posible tecnicamente substituilo polo documento europeo farase de xeito inmediato", asegura. "Contará cun código QR para validar que está emitido pola Consellería de Sanidade" e poderá obterse en formato dixital a través da aplicación Passcovid, E-Saúde ou Sergas Móbil. 

Cribados nos aeroportos

Ademais, anunciou o inicio este martes dos cribados con test de antíxenos nos aeroportos de Santiago e Vigo. Dende o pasado venres, estas probas voluntarias xa se realizan na terminal coruñesa de Alvedro.

O obxectivo, segundo o conselleiro, é complementar o rexistro de viaxeiros, en que se anotaron, dende a súa posta en marcha, un total de 683.000 persoas.

Máscara nas praias

Respecto ao uso obrigatorio da máscara nas praias, considera que é unha medida "conveniente e necesaria", como sucede no resto do territorio. O doutor Vázquez Lima, membro do comité clínico, lembra que o risco máis importante está nos espazos interiores, pero tamén hai perigo de contaxio no exterior.

Neste sentido, subliña que "o 90 % dos casos en Galicia corresponden á variante británica", que ten unha maior transmisiblidade e por tanto é preciso extremar a prudencia.

Chamamento á doazón

O conselleiro de Sanidade aproveitou a comparecencia para facer un chamamento á doazón de sangue co obxectivo de aumentar as reservas durante a Semana Santa. Agora mesmo, dixo que os grupos máis demandados son: A+, A-, 0+ e B-.