Galicia non estará entre as catro comunidades que recibirán doses extra de Pfizer
• O conselleiro de Sanidade acepta os axustes, pero pide coñecer os criterios de repartición
EFE
O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, pediu unha vez máis, no Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, transparencia para coñecer cal é o criterio que seguiu o Ministerio á hora de distribuír os 3,4 millóns de doses extra de Pfizer, xa que en ningún momento se explicou.
"Que se elabore un documento que coñezan todas as comunidades para poder planificar e desenvolver a vacinación do xeito mais eficiente. Galicia é unha Comunidade solidaria, aceptamos, como non pode ser doutro xeito, un axuste, pero é necesaria transparencia", dixo Comesaña ao rematar a xunta.
O titular de Sanidade puntualizou que este axuste debe facerse tendo en conta quen recibiu máis doses, "que non foi Galicia".
Comesaña destacou, ademais, que en Galicia hai un enorme interese por vacinarse. Puxo como exemplo o proceso de autocita aberto esta fin de semana para a mocidade entre 16 e 21 anos, que chegou a ter picos de 50.000 solicitudes ao minuto e 1,6 millóns en dúas horas, tendo todas as citas completas en poucas horas.
Xunto a esta reclamación, o máximo responsable sanitario da Xunta remarcou a necesidade de que se cree un regulamento de funcionamento do Consello Interterritorial, para que se poidan trasladar os documentos importantes xa que, a día de hoxe, non hai actas das xuntanzas, nin tan sequera documentos previos.