CRTVG

Buscar

Só avanza unha das dúas linguas do volcán tras arrasar 400 casas e 220 hectáreas

Publicado o 23/09/2021 20:56

• Descartan que o magma chegue ao mar nas vindeiras 48 horas

• Primeiros problemas para recolocar a todos os veciños evacuados

EFE/Ramón De La Rocha POOL

As autoridades xa recoñecen que hai unha emerxencia habitacional na illa, porque non hai onde meter toda esa poboación en risco. Ata o de agora estana trasladando a centros habilitados especialmente para os evacuados, pero nas últimas horas decidiuse que os van recolocar en establecementos turísticos: vanse trasladar aos turistas a outras illas e reservaranse os hoteis para os que non teñen a onde ir. 

O Goberno das Canarias tamén anunciou que ultima a compra de 280 vivendas para aloxar as familias que perderon as súas casas. A lava arrasou xa 400 vivendas.

Pechan a casa sen saber se van volver a ela. É a angustia de milleiros de familias na illa da Palma. O azar situou as súas vivendas no camiño da lingua de lava, que avanza lenta pero ameazante. E só o azar decidirá se as leva ou as esquiva. "Puiden sacar algúns animais, e agora, a esperar a ver se se salva a casa... a miña e dos meus avós e a dos meus tíos, que vivimos todos no mesmo núcleo", comenta un dos afectados. 

As forzas de seguridade axúdanlles a recoller as súas cousas antes de marchar. Algúns van para a casa de familiares, outros para centros habilitados para os evacuados antes de que os recoloquen en hoteis.

Ducias de agricultores tratan de salvar a froita dos seus plataneiros antes de que a lava os arrase. Perden a súa casa e teme perder tamén a súa fonte de ingresos. A maioría das plantacións son dos anos 60, herdadas de xeración en xeración. A Palma é a segunda illa canaria en produción de plátanos. As perdas tamén na agricultura van ser millonarias.

Do volcán Cumbre Vieja da Palma sae unha mestura de gases formada por dióxido de carbono, vapor de auga e compostos de xofre. Os vulcanólogos chámanlle pluma volcánica. E estudala é fundamental para saber como vai evolucionar a erupción nos vindeiros días. Nese labor céntranse agora os expertos.

A lava do Cumbre Vieja cobre xa máis de 220 hectáreas cun perímetro de 15,7 quilómetros. Nesa superficie quedaron soterradas 400 casas. As dúas coadas que se estenden pola illa non van chegar ao mar nin este xoves nin o venres. Unha das linguas, a situada máis ao norte, está case detida e avanzou onte a 1 metro por hora, cunha altura máxima de 12 metros. A fronte sur, que rodea Montaña Rajada, avanzou onte entre catro e cinco metros por hora. A coada está  a 2,1 da costa.

O volcán mantén a súa actividade constante e o nivel de cinsas acada xa os 4.500 metros. O tráfico aéreo mantense, aínda que con algún retardo. Porén, o voo de drons restrinxiuse en dúas zonas da illa para non entorpecer os labores dos equipos de emerxencia.

Na zona máis afectada pola caída de cinzas recoméndase á poboación permanecer en espazos interiores e, en caso de estar ao aire libre, usar máscaras FFP2 e sistemas de protección de ollos. No resto da illa aconséllase o uso de máscaras cirúrxicas. A sismicidade continúa en baixos niveis, con escasos sismos sentidos, aínda que non se descarta que continúen producíndose.

En canto ás persoas evacuadas, o comité director do Pevolca sinala que a cifra se mantén ao redor de 5.700.

Noticias web

23/09/2021