CRTVG

Buscar

Situación crítica en Cataluña pola pandemia, mentres Murcia estuda confinar a capital e outras dúas localidades

Publicado o 27/07/2020 14:19

Os contaxios por coronavirus aumentaron un 36 por cento en Cataluña, dunha semana a outra, e o presidente Quim Torra advirte de que, se nos próximos dez días non se rexistra unha evolución positiva da pandemia, haberá que retroceder na desescalada.

Tamén segue preocupando a situación de Aragón, e o Goberno de Murcia estuda se decreta o confinamento da capital e outras dúas localidades polo incremento de brotes.

Nos últimos sete días, rexistráronse en Cataluña case 5.500 contaxios e nas UCI os paciente graves por coronavirus pasaron de 57 a 75.

O presidente Quim Torra advertiu de que, se a evolución da pandemia nos próximos 10 días non é positiva, haberá que retroceder, e fixo un chamamamento á responsabilidade, sobre todo dos máis novos.

"Nestes momentos celebrar un botellón é un acto de insolidariedade e, polo tanto, hai que ter moi en conta esta responsabilidade. Pídolles que recapaciten, que pensen niso", afirmou.

Non mellora a situación en Aragón, onde o último reconto confirmaba 297 novos contaxios, a maioría deles en Zaragoza.

O presidente aragonés descartou o confinamento da capital e admitíu a dificultade de controlar a expansión do virus. 

En Murcia, o número de contaxios en Totana, que segue na fase 1, supera xa o centenar e detectáronse 75 positivos máis nunha zona de ocio da capital murciana.

O Goberno murciano estuda se amplia o confinamento imposto a Totana a outras tres localidades, Lorca, Mazarrón e Murcia capital.

Tamén seguen aumentando os casos en Andalucía, onde hai 34 brotes repartidos por toda a comunidade e rexistráronse 78 novos positivos nas últimas 24 horas.

Noticias web

27/07/2020