CRTVG

Buscar

Sito Miñanco, condenado a catro anos de cárcere por branqueo de capitais

Publicado o 28/01/2019 21:58

A Audiencia Provincial de Pontevedra considera probado que José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco, branqueou cartos procedentes do narcotráfico entre os anos 1988 e 2007 e que o fixo comprando bens a través dunha sociedade inmobiliaria.

Por estes feitos condena o histórico narcotraficante a catro anos de cadea e ao pagamento dunha multa de seis millóns de euros. O tribunal imponlles a mesma pena de prisión e a mesma sanción á filla máis vella de Miñanco, á súa primeira muller, á irmá desta e ao empresario que actuaba, segundo a sentenza, como home de palla de Miñanco.

O tribunal considera acreditado que todos os condenados, sen distincións, participaban "activamente e de forma fundamental" no lavado de cartos e que a procedencia delituosa do diñeiro, dedúcese dun xeito "moi fácil" porque os condenados "non pudieron xustificar o desproporcionado patrimonio cos seus ingresos legais".

A Audiencia Provincial tamén ordena a clausura da inmobiliaria á que o tribunal considera o eixe arredor do que todos os acusados levaron a cabo o delito do lavado de cartos. Tamén decreta o comiso de todos os bens adquiridos co diñeiro procedente do narcotráfico. A sentenza non é firme, polo que os condenados poden recorrer.

Sito Miñanco aínda ten outra causa pendente coa xustiza, a da detención o ano pasado en Alxeciras no marco da operación antridroga Mito e cando estaba en réxime de semiliberdade por outra condena por narcotráfico.

Noticias web

28/01/2019