CRTVG

Buscar

Siro leva ao Parlamento a historia política autonómica a través das súas viñetas

Publicado o 10/09/2021 16:39

Toda a historia autonómica do país recollida en 250 caricaturas. Iso é que se pode contemplar desde este venres nunha exposición do Parlamento galego. Alí está o máis destacado da obra de Siro, o debuxante que durante máis de 40 anos ofreceu unha ollada satírica dos acontecementos políticos máis rechamantes.

A inauguración contou coa presenza do presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e do propio presidente do Parlamento, Miguel Santalices, tamén recollidos nesas caricaturas. Tempos en que a retranca xornalística tiña trazos artísticos.

Siro anunciou que doará ao Parlamento 1.577 viñetas orixinais realizadas nestas últimas catro décadas sobre a historia política de Galicia e que foron publicadas no seu día polo xornal 'La Voz de Galicia'.

O debuxante relatou os seus inicios na profesión en que comezou por casualidade cando traballaba para a extinta empresa naval Bazán, antecedente de Navantia Ferrol. "O meu obxectivo non era facer rir senón interpretar debidamente o feito representado na viñeta con independencia de criterio", relatou, e recoñeceu que "aos lectores divertíanos as caricaturas e os políticos estaban encantados de verse".

"En broma podemos dicir cousas que non se poden dicir en serio, polo menos noutro tempo era así", afirmou para explicar o éxito das súas viñetas porque cre que "hai unha vantaxe que é a caricatura de humor pode chegar a onde non chega o comentarista serio".

Noticias web

10/09/2021