Sinaí Giménez confirma que este venres ingresará na prisión da Lama
Sinaí Giménez responde ao ultimato que o obrigaba a entrar hoxe no cárcere ou do contrarío ditarían unha orde de busca ou captura contra el. En contacto a través da delegación en Vigo da Televisión de Galicia, Sinaí confirmou que ten intención de presentarse no cárcere da Lama antes de que este venres se cumpra o prazo.
O Goberno denegoulle o indulto para cumprir unha condena de case 3 anos polos enfrontamentos cos zamoranos nas feiras da provincia de Pontevedra.
A sentenza, ditada algo máis dun ano, é a primeira firme contra Sinaí Giménez, pero os numerosos recursos presentados polos seus avogados frearon a execución da pena. O último foi pedir un indulto ao Goberno, que o denegou, e a maxistrada do Xulgado número tres de Vigo deu por esgotada a vía xudicial.
Son dous anos e nove meses por ameazar de morte o zamorano Felipe Salazar na feira de Redondela en novembro de 2016. Nesa sentenza tamén foron condenadas dúas das súas irmás e unha sobriña a un ano e nove meses.
Sinaí acudiu ao xulgado vigués nas últimas horas acompañado da súa familia máis próxima e a súa avogada para presentar novas alegacións que atrasasen o seu ingreso no cárcere da Lama. Alí estivo máis de tres horas entre xuntanzas e presentación de escritos, ata súa nai falou coa xuíza para pedirlle polo seu fillo. O único que conseguiu foi unha prórroga de dous días.
Finalmente o 'rei dos xitanos galegos' acabará preso, malia que a comezos de mes chegou a un pacto coa fiscalía que evitou que cumprise catro anos por unha lea multitudinaria que tiveron cos zamoranos na feira de Cangas. Ese acordo contempla que non volva cometer un delito nos próximos cinco anos.
Pero a Sinaí Giménez aínda lle quedan contas pendentes coa xustiza. O xefe do clan dos moróns volverá ao banco dos acusados despois do verán para responder por unha agresión a un avogado e a seis garda civís nos xulgados de Tui, acontecida no 2014. Dependendo da sentenza, a estadía na cadea de Sinaí podería prolongarse.