CRTVG

Buscar

Simula o seu propio secuestro para sacarlle 7.000 euros á súa familia en Lugo

Publicado o 28/05/2020 09:40
Simula o seu propio secuestro para sacarlle 7.000 euros á súa familia en Lugo

Axentes da Garda Civil detiveron na provincia de Lugo un cidadán marroquí de 24 anos, veciño da capital lucense, e unha residente no municipio de Monterroso, de 22 anos, por simulación de delito e extorsión, dado que son sospeitosos de simular o secuestro dela para pedirlle á súa familia 7.000 euros a cambio da súa liberación.

Segundo informou a Comandancia de Lugo, axentes da Garda Civil iniciaron onte pola mañá unha investigación despois seren informados do suposto secuestro dunha moza na provincia de León. De acordo coa información facilitada ao instituto armado, os presuntos secuestradores estaban  extorsionando a familia para que lles fixese entrega de 7.000 euros a cambio do seu rescate.

Con todo, a suposta vítima foi localizada onte pola tarde en Lugo en perfecto estado, de modo que os investigadores desmontaron a existencia do presunto rapto. Comprobaron que a suposta vítima tentou dese modo conseguir diñeiro da súa familia, polo que foi imputada como investigada por simulación de delito e extorsión.

Ambos os detidos pasarán este xoves, previsiblemente, a disposición xudicial. En todo caso, a Garda Civil aclara que a investigación continúa aberta e non se descarta a implicación de máis persoas neste suceso e a súa imputación ou detención nas próximas horas.