CRTVG

Buscar

O Goberno non descarta unha repunta dos contaxios cando se levante o estado de alarma

Publicado o 06/05/2021 19:17

• "A fin do estado de alarma, non implica a fin das medidas de control"

• A incidencia baixa tres puntos, pero mantense no 22% a ocupación as UCI

A incidencia acumulada segue en descenso, cunha nova baixada de 3 puntos, ata os 202,5 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, aínda que a ocupación nas UCI mantense arredor do 22 % de pacientes con covid.

Ante estas cifras, o director do Centro de Coordinación de alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón dixo que a pandemia "vai ben" e parece que descende a cuarta onda polas medidas que adoptan as comunidades e pola progresión da campaña de vacinación que cada día xera máis inmunes.

Pero Simón expresou a súa preocupación pola alta ocupación nas UCI, cunha media global do 22 % e con cinco comunidades baixo presión extrema ao ter máis dun 25 % de pacientes covid: Aragón, Cataluña, Madrid, País Vasco e A Rioxa.

Segundo os datos facilitados esta xoves polo Ministerio de Sanidade, nas últimas 24 horas houbo 7.960 novos contaxios, co que a cifra total de infeccións desde o inicio da pandemia é de 3.559.222 e 160 mortes máis, ata un total de 78.726, dos cales 256 tiveron lugar nos últimos sete días.

Seis comunidades seguen en risco extremo (máis de 250 casos): Aragón (297), Cataluña (254,8), Madrid (323,5), Navarra (306,1), País Vasco (463,3), a Rioxa (269,1), ademais da cidade autónoma de Melilla (305,4). 

O Ministerio de Sanidade admitiu que a fin do estado de alarma "non deixa de ser un punto de preocupación", polo impacto na percepción cidadá e pide trasladar unha mensaxe: a fin do estado de alarma non implica a fin das medidas de control. "O risco existe" porque o grupo dos máis novos non está vacinado, pero hai factores como o clima, que leva a actividade ao exterior, a vacinación dos máis vulnerables ou a concienciación da poboación que "pode favorecer que non se detecte nada estraño". “De pasar algo se parecería máis a esta cuarta onda que puidemos ver, se é que realmente pasa algo”, agregou Simón.

O director do CCAES apoiou a fin da alarma porque é partidario de limitar ao máximo as medidas que atentan contra os dereitos fundamentais. “Agora mesmo as medidas dispoñibles para as comunidades autónomas e a responsabilidade da poboación é suficiente para controlar os riscos aos que estamos expostos agora”, recalcou.

España mantén unha tendencia descendende da curva de contaxios e dá por controlada a cuarta onda. Grazas tamén ao ritmo da vacinación, que segue marcando fitos.

Silvia Calzón, secretaria de Estado de Sanidade:"13 millóns de persoas teñen polo menos unha dose, un 27% da poboación. E hai un dato que para nós é moi importante: están vacinados o 81,3% das persoas maiores de 60 anos"

Segundo Sanidade, España é agora mesmo o cuarto país europeo con maior ritmo de inmunización, que se incrementará aínda máis en xuño, coa chegada de máis vacinas.