CRTVG

Buscar

O Comité Científico entrégalle ao Goberno o documento que marcará as pautas do desconfinamento

Publicado o 26/04/2020 12:31

O Comité Científico entregoulle ao Goberno un documento que guiará a fase de desconfinamento da poboación española. Nel contémplase que, sen vacina, non se pode agardar a que a poboación desenvolva a inmunidade total ou parcial porque iso provocaría un gran número de casos e falecementos. 

As liñas de actuación irán dirixidas a: 

1. Asistencia sanitaria reforzada. Non se pode volver saturar o sistema de saúde. Reforzaranse tanto os hospitais como os centro de saúde con métodos como atención telefónica, atención domiciliaria e mesmo se valora habilitar centros específicos para sospeitosos de ter COVID-19. 

2. Vixilancia epidemiolóxica. Estableceranse protocolos e indicadores que irán dirixidos á monitorización e caracterización dos casos sospeitosos e confirmados de xeito precoz. 

3. Identificación das fontes de contaxio co diagnóstico de todas as persoas sintomáticas con PCR, illamento precoz, identificación e corentena dos contactos e a identificación de focos de transmisión como poden ser as residencias. 

4. Medidas de protección colectiva. As xa coñecidas de manter unha distancia social de dous metros, lavado de mans ou reforzo co uso de máscaras. 

Unha vez consolidadas estas catro liñas estratéxicas poderanse tomar as decisións que permitan un aumento progresivo da mobilidade e retomar a actividade laboral. 

 

Noticias web

26/04/2020