CRTVG

Buscar

Silencio e emoción coa lembranza das vítimas nos actos do aniversario do 11-S

Publicado o 11/09/2021 21:01

Non houbo discursos oficiais neste vixésimo aniversario dos atentados do 11-S nos Estados Unidos. As familias das case tres mil vítimas tiveron todo o protagonismo, mentres políticos coma o presidente Joe Biden ou os expresidentes Barack Obama e Bill Clinton permanecían respectuosamente calados no acto celebrado no chamado punto cero, onde estaban as torres xemelgas derrubadas por avións manexados por suicidas de Al Qaeda.

As familias foron lembrando, unha por unha, todas e cada unha das vítimas que morreron en Nova York, no Pentágono e en Pensilvania. Case tres mil persoas morreron nos atentados xihadistas, das cales aínda permanecen sen identificar 1.106. Centos de persoas, sobre todo bombeiros e policías, morreron nos últimos vinte anos a consecuencia dos ataques dirixidos polo falecido Bin Laden.

"Que Deus bendiga os nosos irmáns caídos, as súas familias, os seus amigos e os seus seres queridos". Bruce Springsteen pechou con esta frase e coa canción "Vereite nos meus soños" os actos deste vixésimo aniversario do 11-S nos Estados Unidos. Sobriedade e emoción no recordo das vítimas dos atentados que, dalgún xeito, cambiaron o mundo e a nosa visión da seguridade.

Noticias web

11/09/2021