CRTVG

Buscar

Sete policías denuncian a Trump polo asalto ao Capitolio

Publicado o 26/08/2021 19:05
Sete policías denuncian a Trump polo asalto ao Capitolio
EFE

Sete policías que foron atacados durante o asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro denunciaron este xoves o entón presidente de Estados Unidos, Donald Trump, ao que acusan de incitar á violencia coas súas declaracións infundadas sobre fraude electoral. 

A demanda é un intento de lograr que Trump renda contas polo ocorrido tras a súa absolución no xuízo político no Senado e foi interposta ante a corte federal do Distrito de Columbia. Foi presentada en nome dos sete axentes polo Comité de Avogados polos Dereitos Civís baixo a Lei, un grupo sen ánimo de lucro fundado hai medio século e que decidiu representar os policías, algúns dos cales son afroamericanos. 

O grupo argumenta que Trump é responsables de que os sete axentes, membros da Policía do Capitolio, fosen "agredidos violentamente, cuspidos, gaseados con sustancias lacrimóxenas e spray para osos, sometidos a insultos racistas e postos nunha posición na que temeron pola súa vida". 

Ao esporear ese asalto co obxectivo de evitar que o Congreso certificase ese día o resultado das eleccións presidenciais, Trump violou a Lei do Ku Klux Klan de 1871, argumentan os demandantes. Esa lei aprobouse 15 anos despois do fin da guerra civil dos Estados Unidos (1861-1865) para protexer tanto aos afroamericanos liberados da escravitude como aos lexisladores do Congreso da violencia de grupos supremacistas brancos como o Ku Klux Klan (KKK). 

A denuncia lembra que, mentres centos de persoas irrompían no edificio, Trump "segundo se deu a coñecer nos medios, estaba a seguir o ocorrido a través da televisión" e negouse a pedir aos atacantes que se detivesen". 

A denuncia tamén se dirixe contra grupos de ultradereita como os Proud Boys e Oath Keepers, que supostamente participaron no asalto, así como contra o amigo e asesor de Trump Roger Stone, quen foi condenado a tres anos e catro meses de cárcere no marco da investigación da trama rusa, pero ao que o exmandatario conmutou a pena. Denuncias similares foron interpostas nos últimos meses por lexisladores demócratas. 

De maneira paralela, un comité creado pola presidenta da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, está a investigar por que ocorreu o asalto, quen é responsable e que pode facerse para evitar outro suceso similar. 

As autoridades estiman que, o 6 de xaneiro, unhas 10.000 persoas marcharon cara ao Capitolio e unhas 800 irromperon dentro do edificio para impedir que se ratificase a vitoria de Biden. Cinco persoas morreron e preto de 140 axentes foron agredidos por manifestantes partidarios de Trump. 

Ata o de agora, unhas 550 persoas foron imputadas por cargos relacionados co asalto de xaneiro, incluídas 165 persoas acusadas de delitos de agresión á autoridade.

Noticias web

26/08/2021