CRTVG

Buscar

Sete mortos no Reino Unido por coágulos tras vacinárense con AstraZeneca

Publicado o 03/04/2021 12:22

Sete persoas morreron no Reino Unido como consecuencia de "raros coágulos" de sangue despois de recibir a vacina de AstraZeneca contra a covid-19. Os falecidos son parte dos 30 incidentes identificados ata finais de marzo entre os 18,1 millóns de persoas inmunizadas con este preparado en Gran Bretaña.

A axencia reguladora do medicamento do Reino Unido puntualizou que os riscos asociados a estes coágulos son "moi pequenos" e que a poboación debería aceptar a vacina cando lla ofreza Sanidade.

Dos 30 incidentes, 22 corresponden a trombos cerebrais venosos e oito a outros problemas relacionados coa coagulación de sangue con baixas plaquetas.

A canle BBC informa que puido saber este sábado que sete das persoas vacinadas faleceron e proseguen as investigacións para determinar se a vacina de AstraZeneca é a responsable de causar os trombos. Esta información transcende despois de coñecerse que Alemaña e os Países Baixos decidiran suspender o uso da vacina de Oxford para as persoas menores de 60 anos ante o temor dunha posible relación cos coágulos. Ademais da de AstraZeneca o Reino Unido vacina coa de Pfizer e máis de 30 millóns de persoas xa recibiron polo menos a primeira das doses dunha delas.


 

Noticias web

03/04/2021