CRTVG

Buscar

Sete detidos por roubo en Lalín acusados de asaltar preto dun cento de vivendas

Publicado o 03/04/2019 14:20

Levaban de todo: vehículos, ferramentas, electrodomésticos, cartos e tubos da rede telefónica. Son seis homes e unha muller que están acusados de roubo con violencia, roubo con forza, furto, extorsión, ameazas e pertenza a grupo criminal.

Sarxento da Garda Civil: "Este é un grupo criminal, que saíu dunha operación anterior, a operación Dumbrava, en que entraron tres encapuchados nun domicilio e amordazaron e puxeron bridas a outra persoa. E desa operacion saíu o líder desta e nós empezamos a investigalo e seguilo e desmontamos todo o grupo. Encontramos un grupo novo de delincuentes habituais, pero un grupo novo".

Fixéronse cinco rexistros en vivendas de Padrón, Caldas de Reis, Portas e Campo Lameiro. Alí atoparon un botín valorado nuns 60.000 euros. Todo o que roubaban vendíano a través de portais en Internet ou a coñecidos. A finalidade era financiar a compra de cocaína para traficar con ela e para consumo propio.

Sarxento da Garda Civil: "A esta xente sérvelle practicamente todo para sacar cartos. Por exemplo, cable de telefonía, que o que fan é queimalo para sacar máis diñeiro e despois comprar cocaína principalmente. No baneario abriron as verxas. Levaron quads, levaron ata o propio remolque para transportalos, rozadoras, paus de golf, practicamente todo. Xoias, diñeiro, todo o que caía nas súas mans sacábano para conseguir máis cartos claro".

Todos os detidos teñen antecedentes e a Garda Civil aegura que son responsables de 80 delitos, aínda que cren que poden chegar a resolver un cento de casos na provincias de Pontevedra e Lugo.

Manuel Touceda, coronel da Comandancia de Pontevedra: "Animamos a xente a que pase polos cuarteis. Imos facer unha reportaxe fotográfica para que pasen polos cuarteis aqueles que sufriron algún tipo de roubo e poidamos aclarar algún feito máis".

A investigación continúa aberta para descubrir a identidade dos donos dalgúns obxectos incautados que descoñecen, porque non corresponden a ningunha denuncia presentada.

Noticias web

03/04/2019