Sete detidos nunha operación antidroga en seis puntos do concello de Pontevedra
San Brais foi o epicentro dun operativo policial desenvolvido pola Garda Civil en colaboración coa Policía Local de Pontevedra.
Nunha vivenda unifamiliar foron arrestadas tres persoas no marco dun dispositivo de loita contra o tráfico de drogas a pequena escala.
Durante varias horas, o dispositivo dos corpos policiais actuou en seis puntos do municipio pontevedrés, incluído o de Salcedo.
Os outros rexistros e arrestos producíronse na rúa Paseo de Colón, no barrio de Monte Porreiro, na rúa Manuel del Palacio e nun establecemento de hostalería da rúa Peregrina.
O xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra dirixe o caso, que continúa aberto e que está baixo segredo sumarial, polo que poucos datos trascenden desta investigación.
Sábese, apenas, que os axentes apreixaron diversas cantidades de cocaína, marihuana e haxíx e que arrestaron un total de sete persoas.
Dúas quedaron en liberdade despois de prestaren declaración perante a Garda Civil e as cinco restantes permanecen detidas na Comandancia Provincial en espera de pasaren a disposición xudicial nas próximas horas.