CRTVG

Buscar

Sete detidos en Miranda de Ebro relacionados coa morte violenta dun home

Publicado o 24/05/2019 15:45

Unha operación conxunta da Policía e da Garda Civil levou á detención de sete persoas relacionadas coa morte dun home en Miranda de Ebro. A vítima desaparecera o pasado 29 de abril e o seu corpo apareceu nove días despois con signos de violencia.

Os feitos remóntanse ao pasado seis de maio cando á beira do río Ebro apareceu o corpo sen vida de Fernando Martín, un escaiolista de 60 anos. A familia denunciara nove días antes a súa desaparición.

O cadáver apareceu coas mans atadas e con varios disparos. Nas ultimas horas, unha operación conxunta de axentes da Policía Nacional e da Garda Civil levou á detención de sete persoas presuntamente relacionadas con esta morte.

Os detidos son catro homes e tres mulleres, con vínculos familiares, e entre eles estaría quen se cre que foi o autor material dos disparos.

Os investigadores tratan de aclarar o grao de implicación que terían os outros seis como coautores ou encubridores.

Os axentes rexistraron as vivendas dos detidos, que teñen entre 33 e 61 anos e que vivían no mesmo barrio de Miranda de Ebro en que residía a vítima.

 

Noticias web

24/05/2019