CRTVG

Buscar

Sete detidos e dúas toneladas de haxix aprehendidas en dúas operacións en Málaga

Publicado o 27/02/2021 12:28

A Garda Civil desmantela dúas organizacións europeas, unha holandesa e outra francesa, que preparaban o transporte de grandes cantidades de haxix e de marihuana a Europa. Agochaban os estupefacientes en dúas naves do polígono industrial do Viso en Málaga.

As operacións "Conga" e "Rose" permitiron deter sete persoas e incautarse de 2.500 quilogramos de haxix, de 140 de marihuana e de dous camións, tres furgóns e dous turismos, ademais de material de comunicación e informático.

Na operación "Conga" colaborou a Policía holandesa despois de detectar dúas persoas, supostamente membros dunha organización criminal daquel país, que se encargaban do transporte de estupefacientes desde España a varios países europeos, principalmente Holanda. O seu seguimento permitiu anticipar que se ía producir o envío dunha máquina industrial de aire acondicionado recollida por un tráiler dunha empresa internacional de transporte nunha nave do Viso.

Cando interceptaron o camión os axentes comprobaron a carga e localizaron no interior da máquina 175 fardos de haxix. Detiveron o condutor do camión e os dous cidadáns holandeses por un suposto delito de narcotráfico.

As investigacións permitiron despois localizar outra nave no polígono do Viso que utilizaba outra rede integrada por persoas con antecedentes por narcotráfico en Francia. Ao entraren na nave na operación "Rose" os axentes encontraron palés con leitugas nos que agochaban a droga e 140 bolsas herméticas con 1.890 quilos de haxix e 140 de marihuana. As dúas organzacións operaban desde as costas de Málaga e acumulaban a droga en garderías, situadas en pisos francos e en naves industriais.

Noticias web

27/02/2021