CRTVG

Buscar

Sete cidades sumáronse ao Festival de Orquestras de Verbenas que se vai celebrar durante a fin de semana

Publicado o 24/09/2021 15:22

"Asegúroche que nós cada vez que subimos ao escenario, que este ano foron días contados, é coma a primeira vez que sobes, cunha ilusión e unhas ganas tremendas", conta Xosé Antonio Blas, director xerente da orquestra París de Noia.

E con moita máis ilusión os van recibir os 6.000 galegos que xa reservaron a súa entrada de balde para participar no Festival de Orquestras de Verbena, unha aposta das institucións para reactivar un sector moi tocado, por non dicir case afundido, pola pandemia.

"Realmente foinos mal, nós fixemos algunha actuación pero foron moi poucas comparado co que sería un verán normal", comenta ​Javier Saavedra da orquestra Os Satélites.

"No mes de xullo, habitualmente facemos entre 25, 26, 27 datas, este ano fixemos dúas", apunta Xosé Antonio Blas, director xerente da orquestra París de Noia.

Neste evento van participar case 50 orquestras, a maioría delas inactivas dende hai dous anos. Esta fin de semana servirá para arrincar motores.

"Temos neste momento subvención para quen nos queira contratar, tanto salas de festas coma comisións de festas coma concellos. Hai unha subvención dun 40 % do caché. Estes festivais son agora a escenificación de que xa se pode contratar orquestras e creemos que a partir de agora isto vai a arrincar por fin", informa ​Victor Rodríguez, director de Gaiás Eventos.

"Dar as grazas, sobre todo, a toda a xente valiente, ás comisións de festas e concellos que este ano, con todo o que pasou pois que nos deron a oportunidade tanto a nós como a outros compañeiros de poder volver a subir aos nosos escenarios, é de moi agradecer iso", comenta ​Xosé Antonio Blas, director xerente da orquestra París de Noia.

Noticias web

24/09/2021