CRTVG

Buscar

Feijóo defende a súa política ambiental, que a oposición considera "corrupta" e "tóxica"

Publicado o 09/06/2021 12:13

O eco dos catro anos de goberno bipartito volveron resoar no hemiciclo do Parlamento de Galicia durante unha sesión de control en que o presidente da Xunta defendeu a política ambiental e o modelo eólico impulsados desde a súa chegada a San Caetano. Os voceiros da oposición, Gonzalo Caballero e Ana Pontón, escolleron ambos os dous asuntos para o seu acareo co mandatario autonómico.

O líder do PSdeG acusou a Alberto Núñez Feijóo de continuar instalado no "negacionismo" do cambio climático a través de "políticas tóxicas" para o medio ambiente.  Pola súa banda, a voceira nacionalista censurou que estea a exercer de "delegado" das compañías eléctricas en Galicia "cambiando as leis" para favorecelas "dende o DOG", fomentando o "expolio" e o "colonialismo".

O mandatario autonómico lamentou que o BNG continúe instalado nun "nacionalismo rancio" baseado en "opoñerse a todos os proxectos" pensados para Galicia. Respecto aos socialistas, asegurou que están "obsesionados" con ligar as súas siglas co "verde", porén, sentenciou, as súas leis en materia ambiental levan a España a ser "máis pobre".

Durante a sesión de control, tanto o presidente coma os líderes da oposición lembraron a deputada socialista Isaura Abelairas, falecida o pasado venres. O seu grupo fíxolle unha homenaxe especial colocando un ramo de rosas vermellas no escano, situado xusto detrás de Caballero.

Noticias web

09/06/2021