CRTVG

Buscar

Galicia, sen vítimas nin contaxios nas últimas horas, é a comunidade con menor incidencia acumulada

Publicado o 07/06/2020 21:42

Son xa catro xornadas sen mortes por coronavirus en Galicia e dous días seguidos sen novos casos diagnosticados. Iso fixo descender a incidencia acumulada dos últimos quince días ata un 1,04 en Galicia, con 28 casos diagnosticados neste tempo, e, tal e como confirma o Ministerio de Sanidade, é a máis baixa de todo o Estado.

Desde mércores a cifra de falecementos mantense en 618 e segue descendendo progresivamente o número de pacientes hospitalizados, tal e como confirma a Consellería de Sanidade. Nas últimas horas catro persoas recibiron a alta hospitalaria, co que quedan en planta 22 e na UCI un único paciente. Segundo confirmou esta tarde o Ministerio, esta semana producíronse catro novos ingresos.

Tamén descende a cifra de persoas que se recuperan na casa, 501. Hai algo menos de mes e medio superaban as 6.000. En total, o número de pacientes curados ofrecido pola Consellería de Sanidade é de 10.242. A cifra de casos activos a día de hoxe é de 524, entre os que quedan 20 anciáns usuarios de residencias e 18 profesionais.

O Ministerio de Sanidade confirmou, igual ca onte, que nas últimas 24 horas non se rexistraron novos diagnósticos en Galicia por PCR. Si os houbo noutras comunidades autónomas, en total 102 positivos desde onte. Preocupan posibles rebrotes en hospitais como o de Txagorritxu, en Vitoria, onde un paciente de oncoloxía e unha enfermeira deron positivo, o cal obrigou a poñer unha decena de sanitarios en corentena. Neste hospital foi onde se deron os primeiros casos de Euskadi a finais de febreiro.

A cifra de casos acumulados elévase a 241.550 en toda España e a de falecidos a 27.136, cunha única vítima mortal sumada desde onte. Esta cifra non coincide coas que desagregan algúns departamentos de saúde autonómicos porque o Ministerio continúa traballando nunha revisión completa de casos con todas as comunidades autónomas que previsiblemente suporá un incremento das cifras actuais.

Noticias web

07/06/2020