Chantada, Sanxenxo e A Rúa quedan sen restricións pero baixo seguimento estreito
Chantada é un dos tres concellos que Sanidade someterá a un seguimento máis estreito debido á incidencia acumulada de novos contaxios de coronavirus. Está en alerta vermella, e a veciñanza di que a situación se vía vir.
"Hai moita xente que non pon a máscara e nós avisámolos de que teñen que poñela... ata lles parece mal", comenta unha dos habitantes desta localidade luguesa.
"Eu poño a máscara para protexerme a min e os demais pero na rúa ves cada cousa que non sabe un que facer", sinala outra chantadina.
Hai medo e preocupación, por iso na vila percíbese cada vez menos movemento.
"O ambiente da vila é moi triste, nótase ao longo de todo o día e ves que falta moita xente maior porque o medo está aí", din nun local de hostalaría. Noutro bar apuntan que "as tardes parecen un deserto, este mes xa era malo de por si pero pola tarde non hai ninguén".
Polo momento, os hostaleiros líbranse do peche, pero sinalan que viven nunha incerteza constante e nin sequera saben se repoñer ou non a mercadoría.
"O noso do bar recupérase porque son produtos non perecedoiros pero o problema son os restaurantes". "Con medo, non sabes que vai pasar con nós, como está o tema das axudas e cando nos van pechar", sinalan dous hostaleiros.
Na mesma situación que Chantada quedan Sanxenxo e A Rúa, baixo o lente do subcomité clínico e pendentes do índice de contaxios.