CRTVG

Buscar

Sen rastro de Marta Calvo, 22 días despois da súa desaparición

Publicado o 29/11/2019 14:41

A Garda Civil ampliou a zona de busca para tratar de dar con Marta Calvo, a muller desaparecida en Valencia tras citarse cun home pola Rede. Non se desbota a posibilidade de que o principal sospeitoso, que está a ser buscado, poida estar xa fóra de España.

Ducias de axentes rexistran polo miúdo as proximidades da localidade de Manuel, o lugar en que se lle perdeu a pista a Marta Calvo.

A Garda Civil ampliou a zona de busca para dar con esta muller valenciana de 25 anos que se citara cun home co que contactara pola Rede.

A estes labores poderían sumarse axentes da policía e, chegado o caso, a Unidade Militar de Emerxencias.

De momento, sábese que o sete de novembro Marta lle enviou pouco antes das seis da mañá unha mensaxe de localización á súa nai para dicirlle onde estaba.

E desde entón non se volveu usar o seu teléfono móbil nin se detectou movemento ningún na súa conta do banco.

O home co que se citou Marta e principal sospeitoso é un colombiano, duns 35 anos, con antecedentes por narcotráfico que se cre que podería estar xa fóra de España.

No mes de marzo chegara a vivir a Manuel, nunha casa que alugara súa nai e onde, supostamente, se citou con Marta, pero o rexistro da telefonía mobil determinou que tiña tamén un piso en Lollería, a uns 30 quilómetros.

Ambas as dúas vivendas foron rexistradas pola Garda Civil, que atopou o coche do sospeitoso cando ía ser despezado, o que acabou con todas as esperanzas da familia de que Marta poida estar con vida.

Noticias web

29/11/2019