CRTVG

Buscar

Sen ocio nocturno e ca hostalería a medio gas en catro dos cinco concellos do Salnés

Publicado o 07/07/2021 15:58

Catro dos cinco concellos que terán as restricións máis duras de Galicia a partir do sábado concentránse na comarca do Salnés: Vilagarcía, Vilanova, A Illa e Cambados. A partir do sábado a hostalería só poderá atender nas terrazas e o ocio nocturno non poderá abrir.

Ademais tamén se limita o número de persoas que poden reunirse. Unhas medidas que chegan en pleno verán a unha zona con moito turismo, pero que o comité clínico tomou polo incremento dos contaxios nos últimos días. De feito, A Illa de Arousa é o concello coa incidencia máis alta de toda Galicia.

Unha medida que supón o peche do interior dos bares, as terrazas funcionando ao 50 por cento, peche do ocio nocturno e límite de quince persoas para as reunións entre non conviventes en exteriores e de seis en domicilios. Un duro golpe, sobre todo para a hostalería local coa tempada de verán en marcha.

Álvaro Carou, conselleiro de turismo en Vilagarcía, afirmou que son "localidades cun forte sector servizos, en plena tempada de verán, cando acababa de abrir o ocio nocturno e cando estamos recibindo xa o turismo de todos lados de España". Pola súa banda, o presidente da asociación de comerciantes e hostaleiros de Cambados asegurou que "é prexudicial non só para a hostalaría, tamén para o comercio e para a comarca porque estamos nunha época moi alta de turismo. Estamos no verán e creo que é para aproveitalo vindo como vimos dun ano moi malo".

A incidencia a 7 días nesta comarca do Salnés multiplicouse case por catro pasando de 46 a 176 casos por cada cen mil habitantes. Os cribados para detectar asintomáticos entre a poboación máis nova continúan na comarca pero con mínima afluencia. En Vilagarcía só o 20 por cento dos convocados acudiu a facer a proba PCR.

 

Noticias web

07/07/2021