Unha familia numerosa de Vigo relata como vive o confinamento
Nunha casa de Vigo viven Manuel, a súa nai e os seus catro fillos. Seis persoas que levan o confinamento polo coronavirus con paciencia e, sobre todo, moita organización.
Manuel Rodríguez, pai desta familia numerosa, explica que conta coa axuda das fillas maiores, que mesmo fixeron un cadro de tarefas para saber o que ten que facer cada un en todo momento.
Judith, unha das fillas, di que non hai espazo para o aburrimento. Intentan seguir as rutinas diarias. Judith precisa rehabilitación, así que agora toca facela na casa, coas indicacións do persoal sanitario que habitualmente a atende.
Recoñecen ser afortunados por vivir nun espazo amplo con zona exterior, onde, como di Manuel, poden saír respirar. Iso si, sen relaxarse coas medidas de protección, especialmente no caso da avoa. Ela, din, non sae dende que comezou o estado de alarma. Só saen á compra, e unicamente cando é necesario, o menos posible.
Organización, traballo en equipo e sentido do humor, para gañarlle o pulso á corentena.