CRTVG

Buscar

Sen festas nin celebracións na rúa: a Noitevella, na casa

Publicado o 31/12/2020 13:33

Esta Noitevella será moi diferente á de hai un ano. Na rúa están prohibidas as reunións e tampouco se permite fumar, beber nin comer. Esta noite, o toque de queda empeza á unha e media da madrugada.

"O único parecido entre este final de ano e os anos anteriores é que ambos caen o 31 de decembro. Non hai máis semellanzas. Apelamos á responsabilidade da xente para que manteña a distanciade segudade, que utilice a máscara e non se concentre. Que non faga festa de fin de ano", explica Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior.

Por se falla a responsabilidade, está previsto un dispositivo especial de vixilancia por parte das forzas de seguridade. Permítese a mobilidade para ver a familia, mesmo nos concellos con máis restricións, pero os peches perimetrais volven activarse o venres ás 11 da noite. Policías locais, nacionais e gardas civís controlarán o cumprimento das restricións.

"Sobre todo, en tres puntos estratéxicos: centros comerciais, locais de ocio e lugares de concentración de persoas. Hai que manter as ocupacións nos establecementos comerciais e hostaleiros", conta Santiago Villanueva.

As autoridades sanitarias aconsellan limitar ao máximo as reunións familiares e non xuntarse máis de 10 persoas. Bares e cafeterías non poderán abrir ata as 11 da mañá o día de Aninovo.

Noticias web

31/12/2020