Sen duchas en Cangas porque non poden cumprir o protocolo anticovid
O último concello en sumarse ao peche das duchas e lavapés foi o de Cangas, para sorpresa dos bañistas. Esta decisión foi adoptada ante a incapacidade do Concello para cumprir o protocolo anticovid.
Foron un problema desde o principio do verán: as duchas e aseos das praias poden ser un foco de contaxios a menos que se desinfecten constantemente. O Concello de Cangas acaba de tirar a toalla, asegura que non ten persoal para garantir a seguridade no seu uso.
Detectáronse varias incidencias nas praias e o Concello non pode desinfectar os botóns despois de pulsalos. Usuarios dos areais realizaron diversas denuncias onde esixen o cumprimento estrito do protocolo anticovid. Ata novo aviso non haberá baños nin duchas nas praias de Cangas.
Sanidade incide en que as duchas ao aire libre deberán ter unha ocupación máxima dunha persoa, excepto para aquelas persoas que necesiten asistencia.