CRTVG

Buscar

Sen detencións e con todas as hipóteses abertas na agresión mortal a Samuel

Publicado o 05/07/2021 20:46

• Identificadas varias persoas a través da declaración das testemuñas e do visionado das cámaras de seguridade 

• A Coruña e varias cidades de dentro e fóra de Galicia piden xustiza

Feijóo: "Un asasinato brutal e irracional"Sánchez: "Foi un acto salvaxe e desapiadado"

Esta tarde realizáronse concentracións en toda Galicia polo asasinato de Samuel. A convocatoria de asociacións LGTBI tivo unha resposta masiva na Coruña. Miles de coruñeses concentráronse na praza de María Pita convocados por colectivos LGTB, que achacaron o crime a unha mostra de LGTBI-fobia, aínda que polo de agora esta non foi confirmada pola investigación, que mantén abertas todas as vías. 

A pesar da choiva, un grupo de amigas da vítima, visiblemente afectadas, exhibiron pancartas nas que se podía ler "O seu amor non facía dano, o noso odio si", "Pedimos respecto" ou " Samu non morreu, asasinárono". Unha amiga de Samuel, entre bágoas, deu as grazas aos sanitarios que atenderon o mozo polo seu esforzo. "Fixen todo o posible para que sobrevivise", engadiu.

Os asistentes gardaron un minuto de silencio que culminou cun forte aplauso, nunha praza completamente ateigada.Tamén foi moi numerosa a concentración de Vigo. En Ourense, debido á afluencia de xente, a concentración converteuse nunha marcha. Ademais de nas cidades houbo concentracións en numerosas vilas.  Foron máis de medio cento.  

Concentracións tamén en diferentes cidades españolas Convocadas por diferentes asociacións en defensa dos dereitos LGTBI, saíron á rúa para pedir xustiza polo asasinato de Samuel. En Madrid concentráronse na Porta do Sol. Barcelona, Zaragoza, Oviedo ou Valencia son outras das cidades onde houbo concentracións.  

A alcaldesa da Coruña, concelleiros dos grupos da oposición e tamén representantes da  Delegación do Goberno e da Delegación da Xunta na Coruña concentráronse ao mediodía para expresar a súa repulsa a este crime. Os políticos e tamén cidadáns de a pé gardaron un sentido minuto de silencio en sinal de dó. 

As testemuñas avalan a motivación homófoba

A Policía Nacional continúa a investigar o crime de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos asasinado a fin de semana de madrugada dunha malleira na Coruña. Os investigadores manteñen abertas todas as hipóteses, incluída a de que poida ser un crime homófobo.

Entre as amigas de Samuel que se preparaban para participar nas concentracións convocadas este luns, Vanesa e Lina. Lina acompañaba a Samuel no momento da agresión e Vanesa estaba ao outro lado do móbil en videochamada con eles. Ambas manteñen que o crime de Samuel foi unha agresión homófoba.

Na Avenida Bos Aires, a carón do paseo marítimo de Riazor onde golpearon ata a morte a Samuel, cidadáns anónimos continúan a deixar mensaxes e mostras de afecto e apoio á familia do mozo asasinado.

Noticias web

05/07/2021