CRTVG

Buscar

"Sempre te vas coa sensación de que atrás non quedará nada", Felipe Noya, cooperante

Publicado o 05/06/2019 16:35

O ministro de Asuntos Exteriores condecorou os membros do chamado equipo START. Trátase dun grupo de cooperantes que montou un hospital de campaña en Mozambique despois do ciclón Idai. Nesa entrega non estaban todos, un deles quedou en Santiago.

"Porque xa case teño esgotados todos os meus días de permiso, e terei que traballar tamén algún día. Teño que estar aquí no hospital traballando tamén", conta o traumatólogo Felipe Noya.

Gasta sempre os seus días de permiso en viaxar para axudar. Agora participou nesa premiada misión en Mozambique. Alí tivo traballo abondo como traumatólogo.

"Había tres semanas do ciclón e xente que caera dos tellados das súas casas mentres os reparaban. Todo relacionado directa ou indirectamente co ciclón", recorda o doutor Noya.

Atenderon máis de 2.000 persoas. Ofrecéronlles unha asistencia integral, como médicos e como humanos.

"Tivemos que montar e desmontar o hospital coas nosas propias mans, e montalo nun día ou dous non é tarefa fácil", di.

Montaron e desmontaron un hospital de campaña con quirófano nun dos dez países máis pobres do planeta.

"Podemos dicir que a xente de alí nunca tal vira".

Estiveron un mes. Nese hospital cada día nacía polo menos un bebé. Sentíanse verdadeiramente útiles, pero lamenta que "sempre con esa sensación de que marcharemos e despois aquí non quedará nada ou case nada."

Con todo, a súa vocación segue viva, alimentada por un motivo tan firme como difícil de explicar. "Non sei... Inquedanza, supoño. O que podo dicir é que cada vez que vou, teño gana de volver", di Felipe Noya. Leva de cooperante quince anos. E subindo.

Noticias web

05/06/2019