CRTVG

Buscar

Semana de citas en Galicia para os que quedan sen vacinar

Publicado o 29/08/2021 13:44

• Os galegos sen vacinar só solicitaron unha quinta parte das dispoñibles

 

En Galicia hai máis de 250.000 persoas sen vacinar. O Sergas convocounos para recibir a primeira dose, pero por diferentes motivos non acudiron. Aínda que noutras comunidades están vacinando sen cita previa, o Sergas decidiu intentar repescalos a través do sistema de autocita.

As primeiras son para os rapaces de 12 a 19 anos, para que poidan comezar o curso co menor risco posible. Hai 15.000 dispoñibles para o luns, e 10.000 para martes. Tamén haberá repesca dos maiores de 20 anos. Poden solicitala para o venres 3 de setembro. Este sábado, o vicepresidente da Xunta intentaba convencelos.

"Esas persoas teñen que darse conta de que teñen que ser parte da solución global, que é que todos nos vacinemos e non parte do problema que supón que haxa xente sen vacinar", dicía Rueda.

Segundo os datos de Sanidade, Galicia está á cabeza na vacinación do grupo de 12 a 19 anos, polo menos cunha dose. E é a segunda comunidade con maior porcentaxe de poboación diana inmunizada. Puxéronse o 99 por cento das máis de catro millóns de vacinas recibidas.

"Houbo xornadas onde administramos 50.000 doses ao día, e semanas de máis de 250.000, e máis que poderiamos poñer se tivésemos vacinas suficientes", dicía o conselleiro o venres.

Para esta semana, Sanidade tivo que recompoñer o plan de vacinación, despois de saber que chegan 22.000 das 70.000 doses de Moderna previstas inicialmente.

Noticias web

29/08/2021