CRTVG

Buscar

Semana negra da violencia machista: asasinadas cinco mulleres e o fillo dunha delas

Publicado o 23/05/2021 21:54

O Goberno de Aragón recoñeceu como crime machista o asasinato en Zaragoza dunha muller de 35 anos. A súa parella, un home de 31, acoitelouna e intentou suicidarse despois tirándose ao baleiro dende o seu piso, pero sobreviviu. Tiña unha orde de afastamento. A cidadanía concentrábase esta tarde condenando a violencia de xénero.

Pilar Alegría, delegada do Goberno en Aragón, asegura que a violencia machista "empobrécenos a toda a sociedade e aféctanos a todos. Cando vivimos situacións tan complicadas e tan dramáticas coma a que estamos vivindo temos unha responsabilidade maior por parte de todos os partidos políticos, de todas as institucións públicas e de toda a sociedade en xeral".

Este luns era detido en Mallorca un home de 35 anos por un dobre crime tras asasinar a súa muller embarazada e o seu fillo de sete anos.

O martes o concello de Creixell, en Tarragona, convocaba unha concentración en repulsa polo asasinato dunha muller de 52 anos. O autor do crime suicidouse despois.

O mesmo ocorría en Corbera de Llobregat, onde o asasino tamén se suicidou tras matar a súa parella.

O xoves era detido en Asturias un home como presunto asasino da parella, unha muller de 48 anos. Entregouse pouco despois de matala dun disparo.

Ese mesmo día o Goberno convocaba unha reunión de urxencia do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Tras o encontro, o Ministerio de Igualdade anunciou a posta en marcha dun plan para avaliar e mellorar as ferramentas e as actuacións dispoñibles neste momento na loita contra a violencia machista.

Noticias web

23/05/2021