Seis provincias continúan en alerta polo temporal no Levante
Seis provincias continúan en alerta polo temporal que afecta a Comunidade Valenciana, Cataluña e as Baleares, aínda que se agarda unha mellora a partir desta tarde. As fortes precipitacións obrigaron esta noite a desaloxar 300 persoas no norte da provincia de Alacante.
Continúa chovendo na Comunidade Valenciana, Cataluña e as illas Baleares, aínda que con menos intensidade que na fin de semana. O temporal deixou precipitacións de récord no sur da Comunidade Valenciana, así en Xàbia recolléronse máis de 280 litros por metro cadrado en 24 horas e en Dénia 240.
Os bombeiros tiveron que rescatar un cento de persoas atrapadas en vehículos e vivendas. Máis de 300 foron desaloxadas e 89 tiveron que pasar a noite nun refuxio provisional habilitado pola Cruz Vermella.
Aínda que se espera unha mellora a partir desta tarde, a alerta por chuvia, vento ou forte ondaxe mantense activada no sur de Valencia e norte de Alacante, no litoral castellonense, Barcelona, Girona e o arquipélago balear.
Os portos de Sagunto e Gandía abriron de novo ao tráfico marítimo e o de Castellón permanece pechado.