Seis meses cunha fochanca diante dun edificio nunha rúa de Lugo
Seis meses levan veciños dun edificio de Lugo cun burato diante da casa que lles corta o acceso ao portal. A fochanca realizouse para reparar os continuos cortes de auga, pero non chegou a taparse. Tanto é así que nela naceron plantas que xa miden medio metro e mesmo se está a utilizar como vertedoiro. Piden que se arranxe un problema que, consideran, ten fácil solución.
Nos seis meses transcorridos dende que se abriu este burato na rúa Aquilino Iglesia de Lugo deu tempo a que naceran acacias que xa teñen medio metro de altura. A cuestión é que a gabia se fixo para reparar unha tubaxe que causaba continuos cortes de auga nos edificios e foi reparada en poucas horas, pero o burato non se chegou a pechar, sen que os veciños saiban aínda por que. Esta situación cáusalles molestias para poder acceder a un dos edificios e para camiñar pola beirarrúa.
Ademais, a fochanca converteuse nun vertedoiro xa que son moitos os desaprensivos que baleiran nela todo tipo de residuos. O burato está xusto diante do centro social de Lamas de Prado, que utilizan numerosos veciños e que cren que pode ser mesmo un perigo tanto polo risco de caída como polas aglomeracións que se fan na entrada, co conseguinte risco sanitario na situación actual. Por iso reclaman un arranxo inmediato e que a beirarrúa quede como estaba.
No barrio de Fingoi poderíase vivir unha situación similar, xa que as fugas son continuas e os veciños din que urxe actuar sobre a rede de tubaxes.