CRTVG

Buscar

Seis detidos en Lugo por un delito de odio tras un ataque racista nunha tenda

Publicado o 26/03/2021 14:05

Media ducia de veciños de Lugo, todos novos, protagonizaron un ataque racista e xenófobo no barrio da Piringalla. Cando os donos desta tenda estaban a cargar mercadoría no exterior do local, foron increpados e ameazados por dous dos mozos. Alertada a policía, presentouse unha patrulla no establecemento, e cando se foi, volveron con outros catro individuos. Armados con paus, bloquearon a saída e actuaron con violencia e intimidación. Ademais, romperon cristais, mobles e diverso material.

Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Metéronse dentro do establecemento con estas persoas, causando diferentes danos materiais e proferindo insultos e vexacións de carácter racista e xenófobo, o que implica claramente que se está producindo un delito de odio, porque se confabularon para facelo de forma premeditada".

Grazas ás gravacións das cámaras de videovixilancia, os axentes puideron identificar e prender os presuntos autores deste delito de odio. Tras pasaren a disposición da xustiza, encóntranse agora en liberdade con cargos.

Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Froito desa denuncia, da investigación e das imaxes gravadas lográronse identificar as seis persoas que participaron neste delito, proicedeuse á súa detención, a toma de declaracións na comisaría e a posta a disposición xudicial, á espera de que se determine a data do xuízo e as responsabilidades en que puideron incorrer".

Todos os presuntos autores destes feitos tiñan xa antecedentes por diferentes delitos.

Noticias web

26/03/2021